AS FORMAS DA DESPOBOACIÓN

Clasificación das dinámicas territoriais a escala parroquial en Galiza: unha análise multivariante mediante técnicas SIG

O modelo territorial de Galiza é o resultado da adaptación de diversos fenómenos urbanos a un medio cun tecido antigo nuclear intimamente relacionado co sistema produtivo. Co desenvolvemento da urbanización, xurdiron varios procesos que potenciaron a desigualdade territorial: os ligados aos sistemas litorais, principalmente ao Eixo Atlántico, asociados á suburbanización e á cidade difusa; e os vinculados á Galiza interior, caracterizados polo estancamento e despoboamento, acrecentado nos últimos tempos polo envellecemento da poboación.

Estes procesos foron moi estudados en clave demográfico-estatística e a escala municipal. O seguinte traballo trata de realizar unha clasificación actual das dinámicas territoriais galegas prestando atención (ademais de datos estatísticos) a variables xeográficas obtidas mediante técnicas SIG; e faino a escala parroquial, debido á natureza territorial que manteñen estas demarcacións históricas. Para iso, realízase unha análise factorial, que permite agrupar as variables consideradas, e unha análise de conglomerados que permite clasificar as 3.786 parroquias en función das súas semellanzas ou diferenzas.